Login
Main menu

Idade Contemporánea

A comezos do século XX e ata mediados do mesmo, o tren mineiro de Vilaodriz deu moito auxe a toda a contorna do Río Eo, desde A Pontenova (onde se cargaba o mineral) ata Ribadeo, onde se facía a descarga nos barcos. Xa naqueles anos soñábase coa actual Ponte dos Santos.


Foron aqueles uns anos de gran actividade social e cultural. Xurdiron varias sociedades culturais e bibliotecas. Creouse tambien por aquel entón a Escola Agraria "Pedro Murias" (a mediados de século), sustentada por un indiano en Cuba.


Cara a 1915 constrúese a Torre dos Moreno, unha das obras arquitectónicas máis características de Ribadeo, edificio modernista que contaba xa con ascensor e sistemas de recollida de lixo por medio de tubaxes internas.


Das sociedades que se crearon a principios de século, aínda existen dous con patrimonios moi importantes, aínda que con pouca actividade. Unha é a Sociedade Filantrópico Dramática, propietaria do Cine Teatro, onde se organizaban unhas fenomenais actuacións con artistas ribadenses como o cantante de ópera Manolo Cortés, os Ruiseñores do Eo e a Coral Polifónica.
A outra é a sociedade de Socorros Mutuos "A Concordia", unha especie de seguridade social para os desamparados, que recentemente chegou a un acordo co Concello para crear un Centro de Día para asistencia aos maiores, a situar no antigo matadoiro cunha magnifica vista sobre a Ría.


No último terzo do século XX, cando xa se achegaba a democracia, creouse o primeiro Instituto de Bacharelato da zona (actualmente Instituto Dionisio Gamallo Fierros). Nun primeiro momento foi denominado "Instituto Laboral" debido a que nel se realizaban prácticas dos diferentes oficios e profesións.


Constrúese o actual Parador Nacional de Turismo, cunhas excelentes vistas sobre a ría. O porto de Ribadeo traballaba nestes momentos a pleno rendemento, coa Aduana da provincia de Lugo e segue aumentando o ritmo ano a ano.


Nos últimos anos, un dos acontecementos máis importantes para Ribadeo foi a construción da Ponte dos Santos (obra finalizada o verán de 1987), factor que provocou na nosa vila unha concentración e auxe de comercio e servizos.




Desta importante actividade económica, artística e cultural, naceron numerosas e valiosísimas iniciativas algunhas delas en pleno funcionamento como a Banda Sinfónica Municipal e baixo a batuta de Carlos Alvarez Fdz-Cid, a Coral Polifónica (Decana da Provincia).


Naceron tamén numerosas publicacións algunhas efémeras, as máis destacadas "Ribeiras do Eo" e "A Comarca do Eo" (esta última fundada en 1919 por Francisco Lanza e vicedecana dos semanarios galegos, actualmente baixo a dirección do Progreso de Lugo).

Read more...

Idade Moderna

Neste momento, logo da absorción do Condado, Ribadeo é un señorío xurisdiccional cunha serie de privilexios tributarios para os señores xurisdiccionais que non tiveron choques cos viláns, ata case o final da súa existencia en 1812.


Neste mesmo ano, como dato demográfico, os veciños do señorío eran 948, repartidos da seguinte forma:
280 en Ribadeo, 65 en Arante, 140 en Cubelas, 91 en Obe, 53 en Vilaselán, 207 na Devesa, 68 en Rinlo e 44 en Piñeira.


Cando comeza o século XVI en Galicia existían cinco provincias, que a mediados do mesmo aumentarán a sete: A Coruña, Santiago, Lugo, Ourense, Betanzos, Tui e Mondoñedo.


En 1822 fúndense en catro, en 1823 serán de novo sete e en 1833 establécense xa definitivamente as catro provincias actuais, co que Ribadeo deixa de formar parte da provincia de Mondoñedo, cidade coa que sempre mantivo enfrontamentos porque a sede episcopal, recelosa da puxanza comercial da vila do EO, gravou cunha gran cantidade de impostos, que ata fixo fuxir cara a Castropol a unha parte importante da burguesía comerciante.


Territorialmente, en 1835, algunhas parroquias do sur do Concello de Ribadeo uníronse para constituír o Concello de Cedofeita pero en 1843, a Xunta Provisional de goberno de Ribadeo abortou esta iniciativa e nunca máis houbo problemas coa integridade territorial do concello.


O século XIX marca un punto de inflexión decisivo entre o Ribadeo antigo e o moderno coa desparición da muralla, ademais doutras construcións que marcaban a vida da vila durante os séculos anteriores.



O señorío de Ribadeo abarcaba as seguintes parroquias do municipio: Santa María del Campo (Ribadeo), Santa María de Vilaselán, San Juan de Piñeira, Santa Eulalia (Santalla) da Devesa, San Vicente de Cubelas, San Juan de Obe e San Pedro de Arante.
Nestas sete freguesías había oito vilas (segundo datos de 1751):
Ribadeo, Vilaselán, Vilaframil (A Devesa), Vilandriz (A Devesa), Vilagüiz (A Devesa), Vilamariz (Arante) e Vilavella (Ribadeo).

Read more...

Idade Media

Dos primeiros séculos de nosa era cabe supor que a poboación celta-romana foi evolucionando dun xeito similar a como o fixo no resto de Galicia.
Máis adiante chegarían os suevos e parece ser que o declive foi bastante importante. Fálase de que un xenro de Don Pelayo, chamado Afonso o Católico, repoboou Ribadeo quizais con refuxiados cristiáns que fuxían do avance musulmán.
A igrexa de Ribadeo foi catedral ata o ano 918, no que Ordoño cambiou a sede a Mondoñedo.


Repoboada ou non por Afonso o Católico, o certo é que a mediados do século XII a vila asentábase na ensenada da Vilavella, pois o primitivo núcleo de Cabanela e Porcillán foi abandonado fuxindo dos ataques dos hérulos e normandos nos séculos IX e X.


Logo dunha serie de tensións, no ano 1183, Fernando II concede ao obispado de Mondoñedo os dereitos sobre o territorio dependente da igrexa de Santiago de Vigo, que chegaban ata o porto de San Julián (Porcillán), onde comezaba Vilaselán.


Nos anos posteriores produciranse cambios na sede obispal entre Mondoñedo e Ribadeo, que acabarán no ano 1270, cando Nuño II concederá a Colexiata, que chegará ata o século XIX.


Pouco despois, polas concesións de Fernando II e Afonso IX créase o señorío abadengo. Este señorío abadengo durará ata o 20 de Decembro de 1369, día no que Enrique de Trastámara, en pago polos servizos prestados na loita contra o seu medio irmán Pedro o Cruel, outorga as terras de Ribadeo, con título de condado, ao cabaleiro francés Pierre de Villaines.


Ao pouco tempo, este vendería o Condado a Rui López Davalos, que caeu en desgraza ante o novo rei Juan II.


Juan II dividiu o condado de Ribadeo, para reunificarlo despois ao concederllo en 1431 a Rodrigo de Villandrando. Virían despois máis condes, ata que co matrimonio de Rodrigo de Silva e unha dama da familia de Híjar, incorporouse, en canto a título ao condado de Híjar.

Read more...

Idade Antigua

Os primeiros vestixios históricos son de orixe fenicio, un asentamento mineiro-comercial alá nos séculos XX a XVI a.C. (antes de Cristo).


Aínda que é probable a presenza posterior de cartaxineses e gregos, pola importancia do seu comercio en Galicia, non se dispón de datos da súa incidencia na ría de Ribadeo.

Existen, iso si, restos importantes dos celtas autóctonos, como a famosísima Diadema de Ribadeo toda ela chea de baixoreleves cunha serie de torques ademais de espadas e fíbulas. Discútese sobre o grupo étnico celta que poboaba a zona: segundo algúns foron os Eosios e para outros foron os Cibarcos.


Sexa como for, o certo é que tiveron que recibir a visita dos romanos, aínda que non se acharon restos das calzadas, fontes, templos, etc...só pequenas pezas de cerámica, algunhas moedas, etc...

Read more...
Subscribe to this RSS feed

CookiesAccept

NOTE! This site uses cookies and similar technologies.

If you not change browser settings, you agree to it.

I understand

FacebookG+TwitterRSS