Neste momento, logo da absorción do Condado, Ribadeo é un señorío xurisdiccional cunha serie de privilexios tributarios para os señores xurisdiccionais que non tiveron choques cos viláns, ata case o final da súa existencia en 1812. Neste mesmo ano, como dato demográfico, os veciños do señorío eran 948, repartidos da seguinte forma: 280 en Ribadeo, 65 en Arante, 140 en Cubelas, 91 en Obe, 53 en Vilaselán, 207 na Devesa, 68 en Rinlo e 44 en Piñeira. Cando comeza o século XVI en Galicia existían cinco provincias, que a mediados do mesmo aumentarán a sete: A Coruña, Santiago, Lugo, Ourense, Betanzos, Tui e Mondoñedo. En 1822 fúndense en catro, en 1823 serán de novo sete e en 1833 establécense xa definitivamente as catro provincias actuais, co que Ribadeo deixa de formar parte da provincia de Mondoñedo, cidade coa que sempre mantivo enfrontamentos porque a sede episcopal, recelosa da puxanza comercial da vila do EO, gravou cunha gran cantidade de impostos, que ata fixo fuxir cara a Castropol a unha parte importante da burguesía comerciante. Territorialmente, en 1835, algunhas parroquias do sur do Concello de Ribadeo uníronse para constituír o Concello de Cedofeita pero en 1843, a Xunta Provisional de goberno de Ribadeo abortou esta iniciativa e nunca máis houbo problemas coa integridade territorial do concello. O século XIX marca un punto de inflexión decisivo entre o Ribadeo antigo e o moderno coa desparición da muralla, ademais doutras construcións que marcaban a vida da vila durante os séculos anteriores. O señorío de Ribadeo abarcaba as seguintes parroquias do municipio: Santa María del Campo (Ribadeo), Santa María de Vilaselán, San Juan de Piñeira, Santa Eulalia (Santalla) da Devesa, San Vicente de Cubelas, San Juan de Obe e San Pedro de Arante. Nestas sete freguesías había oito vilas (segundo datos de 1751): Ribadeo, Vilaselán, Vilaframil (A Devesa), Vilandriz (A Devesa), Vilagüiz (A Devesa), Vilamariz (Arante) e Vilavella (Ribadeo).